Sunday 05 de May de 2024

Todo listo en Boqueixón para unha dobre cita cultural esta semana: Noite Velada e Batalla de Ponte Ledesma


O campo do río acolleu onte un ensaio xeral da recreación da histórica Batalla de Ponte Ledesma, que terá lugar este domingo 6 de agosto ás 20:00 h.

O campo do río de Ponte Ledesma (Boqueixón) será escenario esta semana de dúas singulares iniciativas culturais: a Noite Velada e a Batalla de Ponte Ledesma. Dous eventos de entrada libre e de balde, ata completar aforo.

Así, o campo do río de Ponte Ledesma acollerá o venres 4 de agosto unha nova edición da “Noite Velada”. Esta iniciativa, organizada polo Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón, busca unir a tradición e a cultura baixo a imaxe dunha ponte histórica que volverá alumearse coa luz das candeas e as teas.

A partir das 21:30 horas, a música correrá a cargo dos grupos De Ninghures e os locais Roibén e Raeira, da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. A entrada é totalmente libre e de balde, ata completar o aforo de butacas. Unha vez cuberto, o público asistente tamén pode seguir as actuacións de pe ou sentados no céspede co campo do río.

Recreación histórica

O mesmo escenario acollerá dous días despois, o domingo 6 de agosto, ás 20:00 horas, unha recreación da histórica “Batalla de Ponte Ledesma”, que enfrontou en marzo de 1809 á veciñanza liderada pola Xunta de Trasdeza e ás tropas napoleónicas e que se saldou con vitoria veciñal. Unha recreación na que participarán veciños e veciñas de Boqueixón, así como os “franceses” da Asociación Cultural Heroes de Casaldeirigo (Valga), todos eles dirixidos polo actor Suso Martínez e o músico Manoele de Felisa.

Uns grupos que estiveron ensaiando todo na tarde noite de onte luns, no propio campo do río de Ponte Ledesma e ataviados cos traxes que levarán o próximo domingo. A será ás 20:00 horas e a entrada é libre e de balde.